Tuesday 14 de May de 2024

O goberno local agradece a visita da conselleira de Emprego e Igualdade para coñecer o oficio das redeiras


O rexedor, Walter Pardo, agradeceu a boa organización da Federación Galega de Redeiras Artesás do Peirao encabezada pola súa presidenta Verónica Veres.

Malpica, 27 de marzo – Malpica recibiu, esta mañá, a visita da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que visitou o municipio co fin de coñecer, de primeira man, o traballo diario das redeiras. No encontro estiveron o alcalde, Walter Pardo, o concelleiro de Obras, Ángel Garrido, o de Promoción Económica e Emprego, Sergio García, a concelleira de Cultura e Igualdade, Leticia Varela, e o concelleiro de Deportes, Miguel Varela, así como membros da corporación municipal. O goberno local agradeceu a visita da conselleira, así como a boa organización por parte da Federación Galega de Redeiras Artesás do Peirao, encabezada pola súa presidenta, Verónica Veres.

Na visita, a conselleira coñeceu, a fondo, este oficio tradicional moi presente en Malpica. A cargo destas explicacións estiveron, ademais da presidenta da Federación, a presidenta da Asociación de Redeiras Profesionais O Fieital, Ángeles Mille Rodríguez, e a vicepresidenta da Federación, Rosa Isabel Rodríguez Vidal.

Tanto o rexedor como a presidenta da Federación consideran “fundamental” que as atadoras pasen a formar parte da Lei de Pesca. En palabras do rexedor, isto suporía “que se mirase por este traballo de xeito profesional e que se acadasen unhas mellores condicións laborais para as traballadoras, que realizan estes labores, en moitas ocasións, con condicións meteorolóxicas adversas e sen horarios”. Como coñecedor deste oficio, Pardo ve “prioritario” que se poña en valor e se “recompense” a historia que hai detrás dunha vida como redeira.